Comezamos este curso unha nova aventura moi viaxeira. Este novo proxecto de centro xorde da necesidade de favorecer a integración e dar a coñecer a gran diversidade cultural do mundo, do que Burela é un claro reflexo; tamén da necesidade de buscar camiños para ensinar ao alumnado a cooperar e traballar en equipo, respectar as diferenzas e a resolución de conflictos.
Descubriremos a nosa singularidade a través da inspiración nas diferentes culturas, da colaboración e celebración da diversidade. O noso planeta é un gran descoñecido que imos ir coñecendo pouco a pouco, cheo de xente que vive en distintos continentes con diferentes costumes e tradicións que se foron fiando como parte do noso pasado, pero tamén que imos preservando de cara ao noso futuro. Comprobarán que hai un mundo por explorar e descubrir moi diferente ao que temos preto de nós, pero tamén moitos factores que nos achegan e nos conectan uns a outros.
Como ven sendo habitual nos nosos PDI, comezamos o primeiro día de cole disfrazándonos de turistas, co noso comandante de vó-director á cabeza e a nosa secretaria-azafata dándonos as últimas indicacións:

Xuntámnos no pavillón coas familias e o alumnado e visualizamos un vídeo motivador que da a coñecer á comunidade educativa a temática do noso proxecto:
Ademáis tamén se fixo lectura da carta de Libruxa dando a benvida a un novo curso e presentando o novo proxecto:
Ao longo do verán Libruxa dicidiu montar unha axencia de viaxes para dar a volta ao mundo nunha "viaxe creativa" de 9 meses e cando chegamos en setembro xa estaba subida nun globo aerostático esperando a chegada dos vistalegríns. Seremos viaxeiros, porque percorrer o mundo inspíranos, estimula a nosa mente e alimenta a nosa creatividade.
Para poder saír de viaxe, Libruxa convocará a un representante de cada clase á súa axencia de viaxes e entregaralles unha tarxeta de embarque. Alí coñecerán o seu destino coa data de saída e de chegada e tamén a categoría que cada nivel terá que investigar sobre ese destino.


Esta categoría irá rotando ao longo do proxecto de xeito que todos os niveis ao final se documenten sobre todas as categorías. O día de chegada presentaranse cunha exposición os traballos finais sobre o continente que acabamos de visitar, cubrirán o seu pasaporte viaxeiro e logo comezarán unha nova aventura noutro continente.
A través destas categorías investigaranse e recopilaranse datos sobre a historia, cultura, xeografía, tradicións, flora e fauna, curiosidades, personalidades célebres, literatura, gastronomía...que irán recollendo nos seus cadernos de viaxe de aula e despois presentarán aos demáis viaxeiros a través de pósters, infografías, maquetas, murais, lapbooks, presentacións dixitais...que quedarán expostos polos corredores dos dous edificios.






