Páginas

29 ene 2014

EXPRESIÓN PLÁSTICA



Na programación de Plástica deste curso temos programado a realización de talleres de CERÁMICA do 3 ao 7 de febreiro  e para elo  contamos coa colaboración de varios ceramistas da comarca.
Pretendemos poñer en valor a importancia da expresión artística dentro da educación do noso alumnado.





LUCÍA CATUXO
Unha estancia cando nena en Sargadelos deixou nela unha pegada moi importante e decidiu adicarse á cerámica.

Na Casa do Cura, antiga reitoral de Vilafernando (Trabada) podemos visitar o seu taller e a tenda de artesanía.

Crea as súas pezas utilizando esmaltes propios mezclando óxidos e pigmentos.

Recentemente estivo em Estocolmo como representante da cerámica contemporánea galega.


ESTEFANO GUDÍN
Comezou como ceramista no ano 2000. Realizou diversas réplicas de utensilios domésticos como tixolas e cazos sempre con barro tratado con diferentes terras para conseguir óxidos naturais a imitación do ferro.

Desde o 2004 exerce a actividade profesional no seu obradoiro na localidade de Cervo. Diversificou a produción e realiza tanto pezas de uso doméstico (xogos de café, xogos de queimada, botellas, tazas, xarróns) como obxectos decorativos (murais, placas, maquetas e esculturas). Mostras públicas da súa obra están en exposición permante no Concello de Viveiro e no Museo Provincial de Lugo.



MANUEL MIRANDA

Artesán; ten o seu taller en Riocovo, Cervo. A súa produción céntrase fundamentalmente na realización de pezas relacionadas co patrimonio cultural galego:  reproducións de cerámica  campaniforme, castrexa e romana así coma reproducións arqueolóxicas en bronce.  Tamén fai maquetas representativas da nosa arquitectura tradicional.

As súas pezas atópanse en diferentes museos de Galiza e nas tendas de artesanía.

Colaborou na creación do Museo etnográfico de A Fonsagrada de cuxa directiva forma parte na actualidade.



PILAR REI TEIXEIRO

Ceramista, é  diplomada na Escola de Artes e Oficios da Coruña, na especialidade de cerámica.

Terminados os seus estudos, traballa nunha olaría en Mondoñedo, onde perfecciona os seus coñecementos de cerámica popular galega.

No ano 1988 abre o seu propio obradoiro en Foz, onde desenvolve o seu traballo creativo, que compaxina coa impartición de clases.

Participa en diversas exposicións colectivas e en 1999 consegue o 1º premio na 4ª edición do Certame de Arte Galería Burela na especialidade de escultura coa súa peza "O baile".

Ademais o alumnado de Infantil está participando en talleres de expresión artística en colaboración co Departamento de Arte do IES Monte Castelo.