Páginas

Mostrando entradas con la etiqueta biblioteca. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta biblioteca. Mostrar todas las entradas

18 dic 2013

BROCHE FINAL AO PROXECTO "LEMOS CIENCIA NA BIBLIOTECA"



Como final do proxecto “Lemos ciencia na biblioteca” estiveron hoxe con nos SONIA VILLAPOL e TODD TREAGEN.

SONIA é unha científica de Bretoña, doctora en Neurociencias que actualmente traballa no Centro de Neurociencias de Mediciña Rexenerativa en Washington investigando sobre a protección das células nerviosas despois dun traumatismo cerebral. Grazas aos seus descubrimentos xa hai un grupo de persoas con este tipo de danos probando os efectos do tratamento.

TODD é un científico bioinformático no Centro de Bioinformática e Bioloxía Computacional na Universidade de Maryland. O seu traballo céntrase no ensamblaxe dos xenomas usando novas técnicas de secuenciación.



Fixeron unha exposición clara e amena, achegándonos ao fascinante mundo da ciencia. As nenas e nenos de 5º e 6º curso fixeron preguntas e seguro que deste grupo sairá máis dunha científica e dun científico. Como curiosidade, chamoulles a atención que Todd, americano, falara en galego. EN GALEGO TAMÉN A CIENCIA.



Damos as GRAZAS a todas as persoas que, de maneira desinteresada e facendo un oco no seu traballo, colaboraron neste proxecto.



4 nov 2013

TRABALLOS SOBRE A CIENCIA


 Pequena mostra dos traballos feitos polo alumnado relacionados co tema do mes de outubro
LEMOS CIENCIA




19 nov 2012

OS FANTÁSTICOS LIBROS VOADORES DE MORRIS LESSMORE


The Fantastic Flying Books of Mr. Morris Lessmore-2011 from Antoni de la Torre on Vimeo.
Unha historia de amor aos libros. O lector e escritor Morris Lessmon é levado por un furacán a outro mundo. Alí atopa unha casa-librería onde os libros están vivos.

17 nov 2011

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA, UN EXEMPLO

Este vídeo foi rodado en centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares de diferentes recunchos de Galicia, e presentouse no Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito, celebrado en Compostela os días 10, 11 e 12 de novembro, organizado pola Consellería de Educación en colaboración co Ministerio de Educación.
As imaxes exemplifican a distribución de espazos nas novas bibliotecas, e algunhas das actividades que o alumnado realiza nelas día tras día.

13 jun 2011

ALUMNAS MÁIS LECTORAS NO CURSO 2010/2011








Alumnas campeonas de lectura nos seus cursos:

Noa Miguélez de Acevedo 1º
Ana Rapa Casariego 2ºA
Ashley Muñante Carranza 2ºB
Claudia Pernas Dayán 3º
Ana Díaz Carracedo 4º
Isabela Lawicki Aragón 5ºA
Aida Maside Gil 5ºB
Claudia Teijeira Rey 6º


LIBRUXA entregaralles un agasallo o xoves na hora do recreo.
FELIZ VERÁN E BOAS LECTURAS Á SOMBRA!!!!!

2 jun 2011

A INSOPORTABLE LEVEDADE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

16 ene 2011

SORPRESAS NA BIBLIOTECA

Á volta das vacacións LIBRUXA deunos varias sorpresas.

A 1ª foi que a atopamos toda "repintada", con novas córes nas paredes. Está moi guapa.

A 2ª sorpresa foi para as colaboradoras e colaboradores; tíñalles preparadas unhas gorras para utilizaren cando fan o seu traballo.

E a 3ª e última sorpresa foi

que nos tiña preparados un montón de libros relacionados co proxecto COMER SA.

Así que nada máis chegar houbo que poñerse a traballar.



8 dic 2010

INFORME PISA

Queremos sumarnos ao debate e ás reflexións que debemos facer despois da publicación do informe Pisa. Reproducimos o publicado no blog AS ZOCAS FALADORAS co que coincidimos na totalidade
Reflexións sobre os datos PISA 2009, Bibliotecas Escolares e Ensino.
Onte publicáronse as conclusións das probas PISA do 2009: O alumnado galego mellora os seus resultados en comprensión lectora situándose por encima da media española –cinco puntos por encima da media e sete puntos máis adiante con respecto ao 2006- así mesmo progresa en competencia matemática (materia ata agora impartida en galego).
Estes datos lévannos a reflexionar sobre esta evolución que se relaciona directamente coa lingua e coa lectura; fálase de competencia lectora e ao tempo fálase das materias de lingua e literatura e ninguén menciona o labor levado adiante durante estes anos das Bibliotecas Escolares, ou citar os Clubs de lectura dos nosos centros de ensino, algo terán que ver con esta mellora, non si?
Desde o meu punto de vista é un labor día a día, lectura a lectura, o noso traballo non é estritamente académico e non por iso menos rigoroso, o alumnado acode a nós para ler e nós abrímoslles portas ao lecer mais tamén á información, a comprensión lingüística, a competencia lectora, a alfabetización…
Relacionado con estes datos de PISA está tamén o futuro do ensino: Son a lectura, a busca de información, a síntese e a análise dos textos o eixe central da aprendizaxe, unha aprendizaxe actual acorde cos novos medios de comunicación e as novas tecnoloxías?. Descartaremos por fin o libro de texto como único recurso e levaremos aos nosos alumnos ás biliotecas para consultas miquis, webs educativas, xornais
dixitais, blogs, bibliotecas virtuais?
Mellorarán entón os resultados do informe PISA?

27 dic 2007

A NOSA BIBLIOTECA ESCOLAR: Contextualización

Este é o Blog da Biblioteca do C.E.I.P Vista Alegre que está no concello de Burela. As nosas peculiaridades, tanto as do centro como as das actividades que se desenvolven dende a biblioteca, veñen bastante determinadas polo feito de que dende o ano 1978 levan incorporándose continuamente á nosa poboación amplios grupos de inmigrantes principalmente procedentes de Cabo Verde, de Perú, Colombia... de modo que o noso entorno se volve multicultural, e nós temos a obriga e o deber de dar resposta a esta nova realidade dende múltiples puntos de actuación, polo tanto tamén dende a BIBLIOTECA ESCOLAR. Tende en conta que o 17% dos 200 alumnos matriculados a día de hoxe é alumnado inmigrante.Esto, como poderedes comprobar, está moi presente nas actividades de fomento da lectura que se desenvolven dende a biblioteca.O curso 2005/06 puxemos en marcha por primeira vez o proxecto de xornada continuada o cal actuou como detonante da necesidade de crear un proxecto de biblioteca e solicitar o Plan de mellora de bibliotecas escolares, posto que íamos ter que ter aberta a biblioteca todas as tardes, e ata ese momento carecíamos dela. Só estaban a funcionar como medio de fomento da lectura as Bibliotecas de Aula.Decir que como apoio, para comezar coa rodaxe dunha biblioteca e a programar actividades de animación á lectura, fixemos un grupo de traballo sobre “organización, catalogación e dinamización da nosa biblioteca escolar”, a través do cal contamos coa axuda de diferentes persoas máis expertas que nós neste ámbito e que nos deron grandes ideas para por en práctica, ainda que pouco a pouco. Entre elas destacan Rosa Serdio, Isabel Pemán, Chelo Veiga...