Cada 24 de outubro, dende 1997, celébrase o Día Internacional das Bibliotecas. Como ben sabedes, a proposta parte da asociación española de amigos do Libro Infantil e Xuvenil e está apoiada polo Ministerio de Cultura. Recórdovos que este día celébrase en recordo da destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada en 1992 durante o conflicto balcánico.
Xorde dunha guerra, da destrución...pero a través dos libros podemos ler, aprender, descubrir e construír un mundo mellor. As bibliotecas son fiestras para ler e espazos onde aprender a través das ferramentas que ofrecen e servizos que buscan impulsar a aprendizaxe individual e colectiva. Tamén son lugares onde descubrir, xa que nos aportan un enriquecemento persoal, abren a nosa mente e xeran novas ideas.
Con motivo deste día, Libruxa abre as portas da biblioteca do cole. Para nós é un día especial xa que presentamos o novo cartel das Bibliotecas Escolares de Galicia e iniciamos a nosa andaina no novo Proxecto de Centro: "Preserving Nature", enmarcado dentro do Proxecto Europeo Erasmus+ que xa comezamos o curso pasado, "Friends for our Planet".
"A Biblioteca Escolar ten a palabra" pon o foco na oralidade da lingua, como ferramenta que abre camiños de pensamento, imaxinación e coñecemento. O alumnado ha de tomar a palabra e avanzar no dominio da linguaxe que lle é propia a través do diálogo, da reflexión, do debate, da exposición, dos recitais, da lectura en voz alta...
Todo está listo xa. Libruxa tivo moito traballo este mes para ordenar e actualizar os fondos, preparar os carnets, revisar as mochilas viaxeiras, que xa están como cada ano, agardando a que vaiades buscalas á biblio para comezar o seu roteiro aventureiro nas vosas casas, decorando o recanto do proxecto e colocando os expositores para próximas conmemoracións que xa se achegan.
Espera que desfrutedes mooooito coas actividades que vos ten preparado ao longo do curso. Que o voso camiño de aprendizaxe sexa motivador e vos encamiñe a levar a cabo pequenas accións integradoras e inclusivas co mundo que nos rodea.