Páginas

20 may 2017

NOVAMENTE TEATRO: "A MARABILLOSA MENTE DE ALICIA"

   Como parte fundamental do noso proxecto sobre o teatro, seguimos amosando aos nenos e nenas do cole o mundo teatral a través de diversas representacións programadas para este mes de maio. Así imos entrando en materia de cara ás nosas propias produccións para o curso que ven.
   Así, o pasado martes 16 de maio o alumnado de primaria dos coles de Burela, o CEIP Vista Alegre e o CEIP Virxe do Carmen, fumos á Casa da Cultura do Concello para ver, unha vez máis, unha representación teatral a cargo da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña, dirixidos pola monitora de teatro, Alba Rubal. 
   Con iniciativas deste tipo tentamos amosar o noso apoio e participar na campaña de sensibilización sobre a saúde mental e loitar contra o estigma asociado ás enfermidades mentais, tal e como sinalou no seu discurso de presentación a directora María José Novoa, tratando de amosar a faciana máis normalizadora e integradora das persoas con enfermidades mentais.
   Representan a obra "a marabillosa mente de Alicia", unha adaptación teatral da obra literaria "Alicia en el país de las maravillas", onde unha nena entra nun mundo subterráneo de increíbles aventuras e personaxes extravagantes. Tanto os decorados como o vestiario, así como a escenografía e construcción das personaxes foi un traballo colaborativo dos usuarios desta asociación.

     Foi unha obra moi divertida, chea de maxia e personaxes sorprendentes, na que os nenos pasaron unha mañá moi entretida.