DEZ COUSAS DE VALDEORRAS (NO VRAN)
As vidras,
ledas mozas churrusqueiras
maquilladas de sulfato,
sorrinlle ao vento coquetas.
O vento,
baril mociño das festas,
mercóu, na tenda do souto,
seu perfume de candeas.
A fonte,
que chouta por antre as penas,
vén, ca súa cara lavada,
a ensaiar a muiñeira.
A cobra
quere poñerse morena
e toma baños de sol
por andar â «derradeira».
As nubens
enamoradas da serra,
andan a buscarlle as voltas
por ver de apalparlle as tetas.
O monte,
amallóa as chancas de pedra
côs amallós dos regatos
e ten que pôrse en crequenas.
O carro,
cô lombo cangado de herba,
ven, por amostrar os folgos,
cantando unha cantarena.
A vaca
côs dous puñaes da testa,
ao apuñelar a serán
faille feridas de estrelas.
A lúa
veu de «Cubita» a outra feira
e anda «botando la plata»
no café das carballeiras.
E as coitadiñas arrás
que a volta del rei anceian,
teimosas, pídenlle a Deus
o trunfo das suas arelas.
(De Bebedeira)
Asimesmo, decidimos propoñerlle ás familias do alumnado de Infantil e 1º Ciclo crear un poema con "Dez cousas de Burela" : o faro, o Monte Castelo, a lonxa....que tamén mandamos ao concurso. As familias dos alumnos máis maiores elaboraron versos relacionados coa Burelo multicultural.